

Observando o panorama no que nos atopamos en Europa non podemos deixar de sentir certa preocupación polo futuro que se achega para os nosos fillos.
Co imperio dos EE.UU. en decadencia, Europa non se atreve a ser o punto de referencia no mundo, a soster o liderado dos valores que lle son propios, os valores da ilustración e as conquistas sociais e democráticas que con tanto sangue se conseguiron dende a revolución industrial ata parte do século XX.
Europa tirou a toalla, e todo apunta a que cando o xigante con pés de barro se derrube serán as economías orientais que agora empezan a despuntar as que tomen o relevo. Triunfará planetariamente unha cultura na que a poabación non esixe liberdades e dereitos porque parte deles nunca os tiveron. Espéranos un futuro de sumisión, obedeciencia e resignación.
En lugar de perfilarse como alternativa, Europa dende a caída do muro de Berlín vai á deriva dos EE.UU. ou do "mercado". Cunha esquerda acomodada e covarde que non se atreve a facer unha política de esquerdas, polo que cando gobernan o fan realizando unha xestión que consiste en pór "parches" inútiles ao sistema brutal neo liberal que non solucionan os problemas da xente, e por riba son un fracaso total de xestión económica e fonte de frustación á cidadanía. Isto reforza unha imaxe do político de esquerda, como un inútil que non sabe xestionar e que ademais non se atreve a solucionar problemas.
En contraposición temos á dereita, que grazas ao apoio maioritario mediático e económico, mistura a cultura de "soño americano" de que cada un se fai a si mesmo e ten o que se merece, a cultura do esforzo anglosaxona, a criminalización da pobreza, da inmigración, dos excluídos, da explotación do medo. Medo á falta de seguridade, medo ao terrorismo internacional.... transmite á cidadanía SEGURIDADE, ORDE, SABER FACER,XESTIÓN ECONÓMICA ÓPTIMA. E funciónalles, a cidadanía vota por eles, ainda que ao final esta imaxe de seguridade no sexa nada máis que iso, imaxe. Recortar liberdades e dereitos no nome dunha seguridade que non é tal, e cada vez que hai un novo ataque este serve de excusa para un novo recorte. Cada vez máis policía, máis xuíces, máis cárceres, e máis criminalización de calquera tipo de oposición, empregando maliciosamente dende o medo (son uns radicais violentos...) ata a ridiculización (ilusos, non saben en que mundo viven).
Pois Europa estáse a apuntar á filosofía desta dereita. Unha dereita das peores, unha dereita maquiavélica, onde por garantir o "status quo" se aproveita do analfabetismo democrático da cidadanía. Como se explica senón que a dereita Española teña tanto repelus a unha materia que se chama educación para a cidadanía?, acaso poden os abanderados da democracia facer obxección de conciencia dos valores da Ilustración, dos dereitos humanos, dos principios da democracia?
Non se a súa fin non é reducir os dereitos da cidadanía, incluso se é necesario violar sen disimulo os dereitos humanos máis elementais da man dos EE.UU, como o traslado de presos de xeito ilegal por todo o noso continente.
Unha Europa obsesionada pola globalización económica que reduce a marchas forzadas os pilares das mellores sociedades do benestar do mundo. Liberalismo e autoritarismo xenófobo este é o futuro de Europa e do mundo occicental en xeral. Definitivamente non veñen bos tempos para os nosos fillos.
Ten que quedar ben claro unha cousa, todo dereito social e democrático que deixemos escapar de xeito pasivo, sen protestar, non nos será devolto polas boas e non nos gustaría que as próximas xeracións tivesen que volver a derramar sangue para recuperalos.
Posto por MacLapfer e Fror de toxo





sarampelo —
Compañeiro MacLapfer. Recollo o título dunha canción que nos anos oitenta a cantaba o grupo vigués "Golpes Bajos" "Malos tiempos para la lírica" e coido que hoxe pódese cantar con moito máis xustificación. Digo eu, nonsi.
16-06-2007 - 01:09:24 GMT 1