Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Autómatas

ofalarnontencancelas @ 21:03 Tags:

images5.jpg

Ás veces esquezo a gran influencia que a igrexa e a relixión ainda teñen na vida da xente, o poder que o clero exerce dende o púlpito cada domingo e como ainda hoxe son quen de gobernar dende alí con fíos invisibles a vida dunha poboación.

Q. é con diferencia o neno máis intelixente que coñecín xamais. Agora ten seis anos e ós catro, cando eu o coñecín, era capaz de facer puzzles de 100 pezas, irrumpía en tromba no quiosco, cunha risa alegre e revisaba todos os libros antes de escoller un. Nunca lle vin pedir un xoguete ou unha larpeirada, ainda que lle gustan, él so pedía libros, a poder ser de animais. Ultimamente deulle polas coleccións, de informática, de insectos, de dinosaurios... o seu interese pola ciencia non ten límites, sobre todo polas ciencias naturais.

Nunca vin a Q. rebelarse contra os seus pais, ata hai pouco. Hai uns meses a súa nai decidiu que era hora de comezar a catequesis para a primeira comunión. Q. probou uns días pero pareceulle que aquelo era moi aburrido e non quixo volver, a súa nai tratou de persuadilo en balde, cando máis insistía máis se negaba Q. a ir á misa. Ante a terquedade de Q. a súa nai decidiu castigalo, e non lle quitou a tele ou as larpeiradas, quitoulle as coleccións e díxolle que só as tería se ía á catequese, segura de que así volvería ó rego, como efectivamente pasou. Agora Q. ten puntualmente os números das súas coleccións favoritas cada domingo ó sair da catequese.

A nai de Q. é unha rapaza nova, cun nivel cultural alto e unha licenciatura nunha carreira de ciencias, os pais de Q. están separados, non hai nada neles que faga sospeitar que sexan católicos integristas. Esta situación faime lembrar a película O Crente,trata dun rapaz xudeo que odiaba a súa relixión, burlábase do absurdo dalgúns ritos, introducíase en círculos neonazis, asaltaba sinagogas, pero á vez, protexía a torá da profanación dos seus compañeiros. Todos somos un pouco coma ese rapaz, os nenos medran cunha percepción do mundo condicionada por eses valores, que se graban na mente como a ferro. Pequenos costumes que vistos racionalmente non son outra cousa que supersticións, ou valores morais que non desexaríamos ter pero que moi no fondo forman parte de nós.Incluso tendo a vontade de librarse deles pode custar anos facelo por completo, por eso ás novas xeracións de pais séguelles a parecer que obrigar ós nenos a ir á misa é o máis natural do mundo.

Que triste ter que ir obrigado á catequese para poder satisfacer a curiosidade intelectual. Que triste que nuns anos a Q. esta conducta tamén poda chegar a parecelle "normal" e quizais sexa quen de reproducila.

Posto por Fror de toxo

Chúzao | del.icio.us

Comentarios(4) »

#1

Case contaches unha historia que pode se-la miña. Nos meus anos mozos a miña nai obrigabame a ir a misa tódolos domingos, se non ía podíame pasar de todo. Unhas cantas veces que non fun, enterouse e as tiven moi "negras".
Collín moito odio a todo que fora relixión, co tempo funme dando conta que todo era fume. Hoxe lle pregunto a miña nai se pagou a pena levar tantas "tundas" polo simple fume. A resposta que me deu e me segue dando é: "Bueno alomenos sabes o Padre nuestro, só por iso xa pagou a pena". Estou a falar dunha anciana de 87 anos.
É comprensible nesa xeneración, o que non é moi comprensible é agora no século XXI.

#2

Penso que é a historia de toda unha xeración por iso é fundamental apartar dunha vez por todas a relixión da educación. A catequese como calquera forma de adoutrinamento é moi perigosa para os nenos por iso ós país e nais deberían de ver películas coma Jesús Camp.
Por certo a min miña nai dábame cartos para que fose á misa.

#3

En certo modo tamén é a miña historia, prometín non obrigrar nunca ós meus fillos a tal cousa e agora ás veces maravíllame a pureza ignorante do Trasno, que con dez anos non sabe de Isaac, nin Abraham, nin gaitas desas. Hai pouco vimos o Código da Vinci e para él a idea de que o santo grial non fose unha copa non significou absolutamente nada, e eu ó seu lado non podía evitar un sorriso vendo a súa cara de aburrimento.
Con todo o peor desta historia para mín non é a chantaxe en sí mesma, senón o feito de que se use a curiosidade do neno como gancho. É un neno moi especial, o feito de que se aburra coa relixión e o fascinen as ciencias naturais á súa idade xa o demostra,o seu interese debía ser alimentado. O rapaz da mostras de pensar por sí mesmo e paréceme maquiavélico quitarlle os estímulos intelectuais se se nega a ser adoctrinado.

#4

No caso das comuñóns e as catequeses eu son menos benévola, agora hai moitos pais tamén que tragan pola catequese a cambio de lle poder montar a festerola ao rapaz. Saúdos.

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>