Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Good bye Blair

ofalarnontencancelas — 28-06-2007 GTM 1 @ 16:08 Tags:

 

images25.jpg

Vaia deus con el. (nunca mellor dito) Xa so falta Bush, que temos que esperar ata o 2008. De Bush e Aznar, pouco se podía esperar. Onde non hai non hai. Pero Blair, Blair foi unha grande decepción. Non sei como os laboristas o aturaron tanto tempo. De feito foi irse e subir nas enquisas a intención de voto do partido.

Aínda así non teño moitas esperanzas nun xiro á esquerda con Brown, pero polo menos non temos que verlle máis o careto ao criminal de guerra con sorriso histérico.

Iso si agora seica vai ir pacificar en oriente medio. Non puideron escoller mellor.

 

Posto por MacLapfer

O mini tratado LIBERAL EUROPEO

ofalarnontencancelas — 26-06-2007 GTM 1 @ 15:52 Tags:

 

 images24.jpg

A Unión Europea, por chamarlle dalgún xeito, vai ter un novo pero mini tratado que destaca por simple e reformista das institucións comunitarias tal como propuxo o pequeno Napoleón Sarkozy, na forma, estamos lonxe do texto que foi rexeitado polos franceses no 2005 e holandeses, sobre todo en se temos en conta a lonxitude do documento (unha ducia de páxinas fronte ás 400 que tiña a constitución), pero tamén en canto ao estilo: unha linguaxe xurídica, as veces moi técnica, dificilmente comprensíbel para o profano..... « A constitución tiña como meta ser lexíbel para todos. A meta deste tratado é, polo contrario ser ilexíbel », ironizou o xefe da diplomacia Belga, Karel de Gucht. Résultado, vai ser máis difícil para o cidadán de facerse co texto como se fixo no debate cara o referendo, polo que se non o entende para que o vai votar.

En canto ás modificacións.

Meros cambios de maquillaxe.

O termo de « constitución » foi tirado ao lixo así como todos os elementos de natureza federalista (himno e bandeira oficiais da UE). O documento eliminou da parte III, todo o tema que organizaba as políticas da Unión, sobre todo en materia económica. En cambio conservaron a carta de dereitos fundamentais que formaba a parte II, pero non nos enganemos reducindo considerábelmente a parte xurídica, e as reformas institucionais da parte I, a pesar de Poloña sobre a cuestión do voto á maioría cualificada.

Política liberal ante todo.

A maior parte dos puntos polémicos do defunto tratado constitucional sobreviven.  Como as percibidas pola esquerda como demasiado liberais. A partee III era ante todo unha fusión dos tratados precedentes (Roma, Maastricht, Amsterdam, Niza)  aos que a constitución tiña que substituír;co tratado simplificado, estes tratados quedan en vigor. A independenza do Banco Central Europeo e a prioridade de acordar a loita contra a inflación en detrimento do emprego, O encadramento estricto das finanzas públicas via o pacto de estabilidade,  A redución das axudas públicas e ás participacións dos estados, A orientación do libremercado da política comercial da UE, todo isto se mantén. A Comision gaña o dereito de sancionar aos países que teñan un déficit superior ao 3% do PIB, cando antes era competencia de cada estado.

Competencia, falsa victoria.

Vendeuse como victora a supresión do concepto de  « libre competencia », que desaparece dos obxectivos da Unión, e a aparición do deber de « protección » da UE vis-à-vis dos cidadáns.  numerosos diplomáticos, advertiron que estas modificacións menores tiñan poucas posibilidades de « reorientar » a filosofía económica da UE como quixeran facer crer algún lider político como le petit Sarkozy : a referencia á « libre competencia » queda realmente presente nomeada unha ducia de veces no mini tratado. E o presidente da Comisión, José Barroso, dixo que era ilusorio pensar « volver cara atráis nas políticas que non vaian en sintonia coas contemporáneas ».

A carta dos dereitos fundamentais.

A sorte da carta dos dereitos fundamentais é máis ambigüa. O texto non está incluído neste futuro mini tratado liberal. Non cambiará nada en canto aos dereitos dos traballadores  na maior parte dos estados membros. O único país onde o texto pode modificar un pouco as condicións dos asalariados é no Reino Unido, sobre a cuestión do dereito de folga, pero Londres obtivo unha prórroga:  A carta non poderá ser utilzada polos sindicatos británicos diante da corte de xustiza europea. Poloña tamén conseguíu que a carta non afecte ás lexislacións nacionais sobre familia, para poder conservar o seu dereito que é dos máis conservadores de Europa na materia. Será disto que falaba Rajoy cando di que foi Poloña quen defendeu os intereses de España.

Fiscalidade.

As reformas institucionais. Mantiveronse as partes de maior consenso exsitente na constitución, a elección dun presidente estábel para a UE, no lugar dos presidentes rotativos, e o sistema de voto a dobre maioría cualificada. Nembargantes, unha decisión será aceptada polo 55% dos estados representando o 65% da poboación da UE.  Para conseguir o apoio de Poloña que quería preservar o sistema do tratado de Niza que lle era máis favorábel, a medida non será aplicábel antes do 2014. En canto ao Reino Unido benefíciase dun  aprazamento a cooperación xudicial, e será libre de someterse ou non ás decisións tomadas pola maioría neste dominio. O tratado simplifica a situación fiscal de tal xeito que condena por adiantado todo proxecto de harmonización a nivel europeo. O dumping fiscal, causa de numerosas deslocalizacións, ten un futuro prometedor.

Posto por MacLpafer.

Palestina segunda parte

ofalarnontencancelas — 25-06-2007 GTM 1 @ 16:11

 

 images23.jpg

Xa hai moitas voces que din que é incontestábel que Israel é o responsábel da situación actual de Palestina. Para comprender este tipo de afirmacións temos que facer memoria, lembrando como os gobernos fixeron todo o posíbel para destruír a Autoridade Palestina ao longo destes últimos anos. Lebrar como fixeron todo o posíbel para paralizar e aplastar ao presidente Yasser Arafat que era o único líder capábel de federar aos Palestinos. Como Israel destruíu as institucións nacionais, os postos da policía e as forzas de seguridade, os ministerios, sen perguntarse que consecuencias tería todo isto. Agora hoxe os gobernantes hebreos  fanse os surprendidos porque Hamas conquerira  o poder. Tantas pestes botadas a Arafat, e agora bótanno de menos.

A todo o anterior podémoslle sumar outros dous enormes erros: A paralización da transferencias dos fondos á Autoridade Nacional e o embargo económico dos EE.UU e Europa. Isto deixou a Hamas, elexido democraticamente, sen posibilidade de gobernar. Houbera sido máis intelixente respectar o goberno e colaborar con el para evitar brotes de violencia.

Ademáis  Israel leva ao cabo unha política inhumana, Palestinos encerrados en Gaza como nunca estiveron con anterioridade, establecedendo un estado brutal de desesperación. Cando encerran á xente sen porto, sen aeroporto, nin ningunha apertura económica, sen recursos, so podes obter unha cousa: VIOLENCIA. E agora, cada un se lamenta da situación obtida, pero isto non é surprendente se temos en conta todos os factores que se espuxeron neste posto.

Asistimos agora a un sostén frenético do mondo occidental ao presidente Mahmoud Abbas. Porque non o fixeron antes? Por qué agora?

Estamos agora nunha situación dramática de ter dúas entidades palestinas distintas na zona de Gaza e en Csixordania. Pero esta situación non é so negativa para os Palestinos, tamén o vai a ser para os Israelitas. 

Se o goberno de Israel quer verdadeiramente axudar, non basta coas verbas. Ten que desbloquear os fondos, liberar presos. Abrir os check-points a Cisxordania para a libre circulación de persoas.

Na zona de Gaza, goste ou non, é Hamas quen controla a situación e foi escollido democráticamente, goste ou non, sería desexábel que o goberno de Israel inicie un diálogo co partido no poder. Isto podería axudar a estabilizar a zona. Intentar voltar a unha situación o máis parecido posíbel á normalidade, intentando desbloquear o encerro de Gaza para paulatinamente permitir aos seus obreiros traballar e mellorar as condicións de vida dos seus cidadáns para que acaden estabilidade. O que teñen que ter claro os Israelitas é que a estabilidade dos Palestinos implica estabilidade para eles.

 

Posto por MacLapfer.

GAZA ILLADA

ofalarnontencancelas — 19-06-2007 GTM 1 @ 16:55 Tags:

 images22.jpg

As decisións do presidente Abbas de illar Gaza axudan a saír da crise?

O feito de gobernar a golpe de decreto amosa que estas decisións se tomaron baixo as presións exteriores, principalmente americanas, pero con pouco apoio interior.

Hamas soubo aproveitarse da febleza de Abbas, da súa falta de disciplina nas forzas de seguridade onde moitos dos seus xefes tiñan moi mala reputación con acusacións de corrupción.

O feito de negarse a todo diálogo con Hamas e de illar a Gaza no illamento total pódeselle voltar en contra e consolidar o poder a Hamas.

Cal é a estratexia de Hamas?

Hamas non é unha organización homoxénea. Existen dúas correntes principais, unha dura e outra moderada. Seguiron a vía moderada pensando que era un bo momento para entrar no proceso político e as lexislativas lles deron o poder. Continuaron con esta vía, aceptando mesmo no goberno de unión nacional ceder tres postos chaves, entre eles interior. A cambio non recibiron nada, nin un mero alivio económico.

Como a liña moderada non obtivo nada, colleu o relevo a liña dura cos resultados que xa coñecemos. Pero hai unha cousa que non se nos debe esquecer, que foron escollidos democráticamente, e o primeiro ministro Ismaïl Haniyeh, segue a representar a liña moderada de Hamas, que sempre apelou ao diálogo.

Que garantías vai ter Abbas de que occidente non os vai deixar tirados unha vez máis?

Non comprenderon aínda que occidente nunca fixo nada por eles. Sempre hai moitas promesas que non se cumpriron.

Se Al Fatah non aparta aos cadros acusados de corrupción e de colaboración cos Israelitas, e non renova a súa organización con novas cabezas visíbeis (cousa que tiña que facer xa hai moito tempo), lle pode custar a súa desaparción. A curto prazo pode gañar algún punto porque a xente está nunha situación económica deplorábel(e calquer axuda hipócrita puntual sempre é ben recibida) pero a longo prazo isto non vai funcionar porque occidente non se vai mollar co estado Palestino.

 

Posto por MacLapfer.

Malos tempos

ofalarnontencancelas — 14-06-2007 GTM 1 @ 15:12 Tags:

 



images20.jpg
images21.jpg

Observando o panorama no que nos atopamos en Europa non podemos deixar de sentir certa preocupación polo futuro que se achega para os nosos fillos.

Co imperio dos EE.UU. en decadencia, Europa non se atreve a ser o punto de referencia no mundo, a soster o liderado dos valores que lle son propios, os valores da ilustración e as conquistas sociais e democráticas que con tanto sangue se conseguiron dende a revolución industrial ata parte do século XX.

Europa tirou a toalla, e todo apunta a que cando o xigante con pés de barro se derrube serán as economías orientais que agora empezan a despuntar as que tomen o relevo. Triunfará planetariamente unha cultura na que a poabación non esixe liberdades e dereitos porque parte deles nunca os tiveron. Espéranos un futuro de sumisión, obedeciencia e resignación.

En lugar de perfilarse como alternativa, Europa dende a caída do muro de Berlín vai á deriva dos EE.UU. ou do "mercado". Cunha esquerda acomodada e covarde que non se atreve a facer unha política de esquerdas, polo que cando gobernan o fan realizando unha xestión que consiste en pór "parches" inútiles ao sistema brutal neo liberal que non solucionan os problemas da xente, e por riba son un fracaso total de xestión económica e fonte de frustación á cidadanía. Isto reforza unha imaxe do político de esquerda, como un inútil  que non sabe xestionar e que ademais non se atreve a solucionar problemas.

En contraposición temos á dereita, que grazas ao apoio maioritario mediático e económico, mistura a cultura de "soño americano" de que cada un se fai a si mesmo e ten o que se merece, a cultura do esforzo anglosaxona, a criminalización da pobreza, da inmigración, dos excluídos, da explotación do medo. Medo á falta de seguridade, medo ao terrorismo internacional.... transmite á cidadanía SEGURIDADE, ORDE, SABER FACER,XESTIÓN ECONÓMICA ÓPTIMA. E funciónalles, a cidadanía vota por eles, ainda que ao final esta imaxe de seguridade no sexa nada máis que iso, imaxe. Recortar liberdades e dereitos no nome dunha seguridade que non é tal, e cada vez que hai un novo ataque este serve de excusa para un novo recorte. Cada vez máis policía, máis xuíces, máis cárceres, e máis criminalización de calquera tipo de oposición, empregando maliciosamente dende o medo (son uns radicais violentos...) ata a ridiculización (ilusos, non saben en que mundo viven).

Pois Europa estáse a apuntar á filosofía  desta dereita. Unha dereita das peores, unha dereita maquiavélica, onde por garantir o "status quo"  se aproveita do analfabetismo democrático da cidadanía. Como se explica senón que a dereita Española teña tanto repelus a unha materia que se chama educación para a cidadanía?, acaso poden os abanderados da democracia facer obxección de conciencia dos valores da Ilustración, dos dereitos humanos, dos principios da democracia?

Non se a súa fin non é reducir os dereitos da cidadanía, incluso se é necesario  violar sen disimulo os dereitos humanos máis elementais da man dos EE.UU, como o traslado de presos de xeito ilegal por todo o noso continente.

Unha Europa obsesionada pola globalización económica que reduce a marchas forzadas os pilares das mellores sociedades do benestar do mundo. Liberalismo e autoritarismo xenófobo este é o futuro de Europa e do mundo occicental en xeral. Definitivamente non veñen bos tempos para os nosos fillos.

Ten que quedar ben claro unha cousa, todo dereito social e democrático que deixemos escapar de xeito pasivo, sen protestar, non nos será devolto polas boas e non nos gustaría que as próximas xeracións tivesen que volver a derramar sangue para recuperalos.

Posto por MacLapfer e Fror de toxo

CAPITALISMO DE ESTADO E ESCRAVITUDE

ofalarnontencancelas — 12-06-2007 GTM 1 @ 15:12 Tags:

cayfmzsf.jpg  ca278def.jpg

En China, posíbel relevo do imperio, varias ducias de escravos menores de idade son explotados e golpeados a morte nunha fábrica de ladrillos. Foron liberados estas últimas semanas pola policía da provincia de Shanxi.

O peor de todo, é que era o fillo do secretario do Partido Comunista do pobo que explotaba a fábrica dende hai anos.

Dos menores liberados, oito estaban amnésicos, os outros aterrorizados, descalzos e cobertos de roña de non lavarse nun tempo indefinido, e sen lles curtar o pelo dende había máis dun ano. Algúns estaban queimados. No último inverno un deles morreu a golpe de martelo por parte dun vixiante por non facer o traballo a velocidade esixida. 

A maioría destes traballadores proveñen de provincias lonxanas recrutados a primeiros do 2006 ao redor das estacións.

O traballo empezaba cedo, de 5 da mañá ata as 13 horas. Vixiados por gardians e cans, non podían saír, alimentados de pan ao vapor e sen soldo. Estaban encerrados pola noite e durmían no chan.

O propietario da fábrica, que foi arrestado, explicou que pagaba 36 euros por 100.000 ladrillos ao director e vendía os lotes dez veces máis caros. Os habitantes do pobo, todos ao corrente da situación, contaron que a fábrica houbese fechado dende hai tempo se non fose por pertencer ao xefe do PC.

Varias fábricas clandestinas  foron fechadas nestas últimas semanas na mesma provincia.

 Que nos deixen de caralladas prostituíndo a verba "democracia" dende occidente, para usala de disculpa para envadir países soberanos e que miren a China, que hai moito que rascar.

 

Posto por MacLapfer.

LABORATORIOS FARMACEUTICOS

ofalarnontencancelas — 05-06-2007 GTM 1 @ 15:08 Tags:

 

 images19.jpg

O goberno de Nixeria reclama sete millóns de dólares por prexuízos ao grupo farmacéutico norteamericano PFIZER por ensaios dun medicamento que deron lugar á morte de diversos nenos.

Estes ensaios foron realizados no ano 96 no estado de Kano (norte de Nixeria) sen o acordo das autoridades de dito país. Unha iniciativa amparada baixo a suposta acción humanitaria para erradicar unha epidemia de menenxite e rubeola.

O goberno de Nixeria indica que 200 nenos que tomaron o medicamento sufriron diversas afeccións de xordeira, parálise, dificultades na fala, lesións cerebrais.... e  11 nenos morreron.

Todo empezou porque no 96 neste estado houbo unha epidemia de menenxite bacteriana, rubeola e cólera onde o hospital de enfermidades infecciosas xuntando esforzos co goberno federal de Nixeria intentaban erradicar. No medio desta situación PFIZER propuxo un arranxo a dita situación en forma de axuda humanitaria que lle permitise de xeito encuberto utilizar os nenos como cobaia testando medicamentos(segundo o goberno Nixeriano).

En fin para isto si que nos vale a cidadanía Africana ao primeiro mundo.

 

Posto por MacLapfer. 

A Coruña

ofalarnontencancelas — 30-05-2007 GTM 1 @ 15:02 Tags:

 

 images18.jpg

Sir Paco Vázquez, xa o dixo. Que non se pacte cos do BNG, mellor facer un pacto co PP. E Losada que é moi obediente, xa insinuou que ao mellor gobernaba en minoría con apoios puntuais co PP.

É lóxico, o PSOE xa perdeu parte do electorado nestas eleccións porque era un electorado "Vazquista", un electorado que se pode describir socioloxicamente como "Ultra conservador", "Nacionalista Español", e por suposto "Fundamentalista Católico" mais propio "del movimiento" de toda a vida.

De todos os xeitos, espero que Touriño, poña en vereda ao Sr Losada, porque se non valen os do BNG para pactar na Coruña, creo que non debíamos valer para pactar en ningures. O hai pacto de progreso en todas partes, ou aquí temos que romper os cacharros en todos os concellos e se me apuras tamén na Xunta.

Os militantes, simpatizantes e votantes do BNG temos dereito a que se nos garde un mínimo de respecto, non somos de usar e tirar para que rendibilice sempre o PSOE o traballo e o bo facer de parte dos nosos representantes e dirixentes, é hora da facerlle saber ao PSOE que fomos moi xenerosos, pero que a nosa paciencia pode chegar ao seu fin e que queremos que se nos trate cun mínimo de dignidade.

Touriño pon orde na casa!!!

Posto por MacLapfer.

Os Demócratas dos EEUU

ofalarnontencancelas — 29-05-2007 GTM 1 @ 15:26 Tags:

 

 images17.jpg

Despois de actuar coa Casa Branca coas mans de ferro, agora reculan e aproban máis cartos dende o congreso para manter as tropas en Irak.

Se temos en conta  que o povo norteamericano votou aos demócratas hai uns seis meses  para precisamente elaborar un calendario de retirada das tropas, teñen que sentirse na actualidade realmente moi traicionados.

Xa vai sendo hora que ese povo se dea de conta que o seu sistema bipartidista, que por outra banda tantos desexan no noso estado, e a antítese da democracia e da pluralidade. E empecen a votar aos partidos minoritarios.

 

Posto por MacLapfer

Resultados

ofalarnontencancelas — 28-05-2007 GTM 1 @ 16:05 Tags:

images16.jpg 

 

Coma sempre todos gañaron! Somos un país de gañadores, non hai perdedores. Nin o soño americano vamos!. Pero iso debe de estar no decálogo dos políticos, ver sempre o vaso medio cheo, transmitir optimismo e seguridade.

En canto ao BNG, foi unha xornada dende o meu punto de vista, agridoce, doce porque teñen máis presenza no rural e vilas pequenas (quitando casos coma o de Viveiro), e iso é moi importante para o BNG, que tradicionalmente se alimentaba dos votos urbanos. Incluso temos varios casos de maioría  absoluta á marxe da histórica Allariz. (Véxase Monforte).

A parte negativa, o urbano, os resultados de Ferrol, Vigo, e non digamos Pontevedra foron dende o meu punto de vista, salvando distancias entre elas, bastante vergoñentos.

Ferrol, pola dificultade que entraña compaxinar ser unha opción de goberno con ser unha organización de base, volcada nos valores da participación cidadá e do desenvolvemento sostíbel.

Pontevedra, que pasa con Pontevedra? que elección tras elección Lores vai perdendo votos. Que xa na segunda lexislatura tiña que oír queixas da súa xestión no ámbito social. Que moita recuperación do casco histórico, pero que os temas sociais non estaban moi atendidos. Canto haberá de certo nisto? Non creo que todo se deba a non saber comunicar á cidadanía os grandes logros feitos na cidade.

Vigo, que vou a dicer de Vigo, que non se saiba xa. O único que espero para o ben da súa cidadanía,  é que sexa desta! porque parece que esta vila leva instalado nun "by pass" eterno

En canto a Coruña, Lugo, Ourense e Santiago, máis debido a perda de maiorías absolutas que a méritos propios mantivéronse resultados dignos.

En consecuencia teño unha pequena sensación de  que existe un pequeno estancamento do BNG que pode ter unha lectura positiva ou negativa dependendo de como se queira ler, positiva porque parece que tocamos fondo que non baixamos dunha determinada porcentaxe de voto. Negativa, cústanos medrar, incluso tendo responsabilidades de goberno na Xunta.

Finalmente,dicer que o electorado lle deu outra oportunidade ao BNG, para que faga  visíbel dunha vez por todas un cambio, un cambio real, dende as áreas de xestión que están nas súas mans. Un cambio que diferencie con claridade as políticas sociais, ecolóxicas e democráticas que lle son propias e que tanto defendimos no pasado e evitar que se lle perciba como unha continuidade de "mais do mesmo".

 

Posto por MacLapfer.