
Non quedan xa moitos días para as eleccións ao parlamento galego, e dende o noso modesto blogue faremos a nosa particular campaña.
En primeiro lugar dicir que na nosa opinión sería unha enorme equivocación para calquera cidadán/á que se considere un demócrata radical que se sinta identificado por un modelo de sociedade que defende a xustiza social e baseado no medre sostíbel con inquedanzas polo medio ambiente non pode votar polo bipartito.
Votar polo Bipartito do PSDG e BNG e votar continuidade do peor dos 16 anos do PPG, é por desgraza votar clientelismo, paternalismo, mala praxe (concurso eólico, privatización de servizos de selección para a administración pública...), mala xestión de recursos (Cidade da cultura, gastos dos despachos e demais mergullados nunha crise...), mala asistencia sanitaria (sufro as listas de espera aínda peores co PPG digan o que digan), educación pública pésima (Calidade, recursos, lingua galega... todo un desastre), servizos sociais caciquís no lugar de ser universais dende unha consellería de servizos sociais para toda a cidadanía galega independentemente da cor política do concello ou se entran ou non nun consorcio, precariedade laboral no sector público (Tanto en consellerías do BNG coma do PSDG), administración paralela (GALARIA, SEAGA, INGACAL, CONSORCIO, INSTITUTO DE ESTUDOS TURÍSTICOS, CENTRO ONCOLÓXICO, AXENCIA DE EMERXENCIAS, CONSELLO DE RELACIÓNS LABORAIS, BANCO DE TERRAS, SOCIEDADE DE SERVIZOS SOCIAIS, FUNDACIÓNS ILLA SAN SIMÓN, FUNDACIÓN DA FORMACIÓN PARA O TRABALLO, INDUSTRIAS CULTURAIS ....)
En definitiva un reforzo das peores praxes políticas que xa viñan herdadas dos dezaseis anos do PPG.
Entón que podemos votar?
Ben é certo que non existen moitas opcións, pero considero que o PSDG e BNG necesitan un castigo. Dito castigo non debe caer na tentación de votar á dereita, xa que sería un retroceso polo que recomendo exercer o voto con algunha destas opcións:
1. Esquerda Unida: Pode ser unha boa opción para os descontentos coa política do PSDG, para a xente de caracter progresista que non se considere nacionalista.
2. Frente Popular Galega: Hoxe por hoxe, por desgraza, é a única opción á esquerda nacionalista do BNG (non sei a que esperan os críticos para Refundar o Nacionalismo Democrático e Asembleario), pode ser unha boa opción para castigar a este BNG desvirtuado.
3. Voto en branco: para os que non lles convenza castigalos coas opcións anteriores pero queren seguir castigando ao bipartito e exercer o seu dereito democrático de ir votar.
Non é que me entusiasme ningunha das opcións enriba expostas, pero prefiro que entren no parlamento algunha destas forzas políticas a premiar a mala xestión destes catro anos do bipartito.
En canto ao voto en branco, é como mínimo unha opción tan lexítima como as outras dúas, o único handicap que ten é que pode favorecer á dereita.
Nós imos exercer unha destas tres opcións, e pedimos o voto a toda a cidadanía de esquerdas descontenta co bipartito que faga o mesmo.
Se premiades a mala xestión destes catro anos, dunha primeira lexislatura que se supón que sempre é a mellor, que nos espera para a segunda. NON QUEREMOS NIN PENSALO.
Posto por MacLapfer, Fror de Toxo e Trasno.