
Ainda que tranquilo non me atopo curiosamente cunha ledicia desbordante polos resultados electorais do pasado 9 de marzo, e iso que non gañou o PP de Rajoy e que o BNG aguantou o tipo coma un campión.
Non estou moi contente por varios motivos, o primeiro polo marcado bipartidismo que imos vivir na seguinte lexislatura, cun PP, que aínda que estea na oposición tivo un bo respaldo e salvou a cara a pesares de perder, un PP que foi ás eleccións cunha mensaxe que coincidía con moitos puntos programáticos da ultradereita europea (de feito o PP foi admirada pola ultradereita Belga), e aínda así consegue máis de dez millóns de votos e 153 deputados (as veces este estado dáme medo). Con este resultado seguirán a marcar de cerca a política do estado e do PSOE, tal como fixeron os dous últimos anos desta lexislatura.
O segundo, porque as forzas políticas que se sitúan á esquerda do PSOE perden representatividade no parlamento ( o máis sangrante foi o que lle pasou tanto a ERC como a IU) que foron os que realmente marcaron ás políticas sociais da lexislatura anterior. E aínda que forzas coma o BNG e NaBai aguantaron o tipo non son relevantes como para condicionar a acción de goberno de Zapatero.
O terceiro, a subida de CIU que pode volver a condicionar a política do Estado, non temos máis que facer unha análise das hemerotecas para ver que sempre que existiu pacto con CIU nin se avanza en política social nin Galiza saíu beneficiada, e por moito que o BNG estea en GALEUSCA Galiza non estará dentro das súas prioridades.
O cuarto, como se non tiveramos bastante xa co PP que temos, agora que soportar catro anos a Rosa Díez co seu UPyD, cunha mensaxe aínda máis centralista co PP. Soltando perlas como que hai que reformar a lei electoral para que os partidos nacionalistas non teñan tanta forza, que se paralizar as leis de normalización lingüística (porque o castelán corre perigo).....O que hai que oír.
Basicamente estes son os motivos principais polo que, aínda que tranquilo por non ver a Rajoy de presidente, non estou moi entusiasmado co resultado, pero o caso é que Zapatero ten que saber que goberna cos votos prestados resultantes dun pragmatismo para evitar o ascenso da dereita rancia española e que se ten a mínima tentación de xirar á dereita económica e centralista nesta lexislatura os volverá a perder.
Posto por MacLapfer